ASOCIACIONISMO
As asociacións xuvenís son organizacións formadas por un grupo de mozos e mozas que comparten intereses, afeccións, gustos e obxectivos comúns. Son unha forma máis de expresión e participación activa na sociedade, que permite compartir experiencias, actividades…
A característica principal que diferencia as asociacións xuvenís é que só poden ser socias de pleno dereito as persoas mozas de idade comprendida entre os 14 anos cumpridos e os 30 sen cumprir, e que as actividades que se organicen dende a asociación deben ir destinadas principalmente á mocidade.
Para crear unha asociación xuvenil debes seguir os trámites establecidos para calquera asociación, pero debe figurar nos seus estatutos o seu carácter de asociación xuvenil. Tamén podes inscribila no rexistro de asociacións xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude.
Requisitos
Para a constitución dunha asociación é preciso un mínimo de tres persoas que desenvolvan estes cargos: presidencia, secretaría e tesouraría. Estas persoas teñen que ser maiores de 14 anos e menores de 30, límite de idade que non se pode sobrepasar. No caso de que haxa maiores de 30 anos, pero as actividades vaian dirixidas á mocidade poderase converter en entidade prestadora de servizos á xuventude.
Debemos decidir tamén cal vai ser a finalidade da asociación (animación, promoción, defenda dos dereitos,…), que obxectivos vai ter e de que tipo vai ser (cultural, deportivo, social,…).
Documentos
Para a constitución debemos preparar a seguinte documentación:
Acta de constitución ou fundacional
- Nome, apelidos, nacionalidade e domicilio das promotoras.
- O Acordo de constitución no cal se recollerán os fins xerais da asociación.
- A vontade das promotoras de constituír unha asociación e o nome da mesma.
- O acordo de aprobación dos estatutos.
- Lugar e data do outorgamento da mesma.
- O acordo de elección da Xunta Xestora, incluíndo nome, idade e DNI.
- Sinatura das persoas fundadoras.
Estatutos
- A denominación da asociación.
- O domicilio e ámbito territorial.
- A duración cando non se constitúa por tempo indefinido.
- Os seus fins específicos, e as actividades que vai realizar.
- Como será a admisión dos socios e a perda de tal condición, así como os seus dereitos e deberes.
- Os criterios para o funcionamento democrático da asociación.
- Os órganos de goberno e representación: composición, formas de elección e cese…
- O réxime de administración, contabilidade e documentación, e data de peche do exercicio.
- Patrimonio inicial e recursos económicos.
- Causas de disolución e destino do patrimonio social nese caso.
- Calquera outra que se consideren conveniente.
Modelos de actas fundacionais e de estatutos
Modelos de NEX – Novo Espazo Xuvenil de A Coruña
Trámites
Coa documentación xa preparada e asinada por todos as integrantes da asociación, debedes proceder a inscribila no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Para iso debedes entregar unha solicitude de inscrición e dúas copias da acta fundacional e dos estatutos, asinadas en todas as súas follas polos socios fundadores. Tamén deberán estar pagadas as taxas de inscrición. O prazo de resolución é de tres meses.
Solicitude de inscrición no rexistro de asociacións
Información das taxas para a inscrición de asociacións
Cando vos remitan a acta fundacional e os estatutos debidamente selados, poderedes pedir o CIF para a vosa asociación. Para iso, tedes que solicitar nas delegacións de facenda un impreso para pedir o CIF, ao que haberá que acompañar coa fotocopia dos estatutos legalizados, da acta fundacional, e do DNI da persoa que representa á asociación e entregalo no prazo de 30 días logo da inscrición no rexistro.
Modelo 036 para a solicitude do Cif.
Lembra que podes pedir a exención do IVE se é unha asociación sen ánimo de lucro.
Agora a túa asociación xa está legalizada. Lembra que os libros de socios, actas e cotas poden selarse no Goberno civil ou xulgado.
Queda agora inscribirse no Censo de entidades xuvenís e prestadoras de servizos á mocidade na Dirección Xeral de Xuventude, iso no caso de que queiras optar ás subvencións que oferta a Xunta de Galicia..
Lexislación
Enlaces
Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia