QUE É UNHA ASOCIACIÓN?
As asociacións son sen dúbida un importante elemento para o desenvolvemento democrático da sociedade. Constitúen o chamado terceiro sector, cunhas características comúns que as diferencian do sector público e do sector privado. Dentro deste sector as persoas teñen posibilidades de participar na toma de decisións sobre temas que lles afectan ou que son de interese xeral para a súa comunidade a través das asociacións existentes.
As asociacións son polo tanto, elementos de cohesión e de creación de identidade nos ámbitos territoriais, con capacidade para promover e integrar iniciativas sociais e espazos de participación democrática, posibilitando, entre outras cousas:
- Chamar a atención da sociedade e dos poderes públicos sobre problemas ou necesidades existentes.
- Analizar e avaliar a acción das entidades públicas e privadas.
- Promover e exercitar valores e actitudes que son importantes para a sociedade.
- Comunicar e intercambiar ideas e experiencias con outros cidadáns.
- Traballar en beneficio da comunidade, poñer en marcha acciones dirixidas a resolver os posibles problemas e necesidades existente no noso medio máis próximo.
- Conseguir, coa súa acción, mellorar a calidade de vida individual e colectiva.
Unha asociación é unha agrupación de persoas que se unen de xeito voluntario e libre para a consecución, sen ánimo de lucro, dunha finalidade de interese xeral ou particular, e con esa finalidade poñen en común os seus coñecementos, actividades e recursos económicos.
A asociación é autónoma, ten personalidade propia e a súa organización interna e funcionamento deben ser democráticos, con pleno respecto ao pluralismo.
Se temos a determinación de comprometernos cun proxecto así, de traballar por uns fins comúns, deberiamos valorar se incorporar os nosos esforzos a unha asociación xa existente ou crear unha nova.
Un dos erros comúns é pensar que a ausencia de ánimo de lucro comporta a imposibilidade de que a asociación teña beneficios, mais isto non é así: paga a pena aclarar que non ter ánimo de lucro significa que non se poden repartir os beneficios ou excedentes económicos anuais entre os socios, por tanto, pódese:
- Ter excedentes económicos ao finalizar o ano.
- Ter contratado persoal laboral na asociación.
- Realizar actividades económicas que poidan xerar excedentes económicos (que se deberán reinvestir para o cumprimento dos fins da entidade).
Tamén induce a erro a distinción entre interese xeral e interese particular. Se da actividade da asociación só se benefician os membros asociados, entón diremos que esta persegue un interese particular e se, pola contra, os beneficiados polos fins da asociación son un colectivo xenérico de persoas que vai máis alá dos membros que a forman, diremos que persegue un interese xeral.
Achégase unha guía de asociacións do Ministerio do Interior.